Friday 17 de May de 2024

Fene destina 82.500 euros a colaborar coas entidades sociais e deportivas do municipio


Publicadas as bases de subvencións correspondentes á anualidade de 2015

O Boletín Oficial da Provincia deste mércores 30 de novembro publicou as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións para as entidades sen ánimo de lucro do municipio. En total distribuiranse 82.500 euros entre as organizacións veciñais e socioculturais, as deportivas e as ANPAs dos centros educativos para axudarlles cos gastos en actividades desenvolvidas durante a anualidade de 2015. O prazo para presentar a documentación finaliza o próximo 16 de decembro e toda a información sobre o procedemento está dispoñible na web municipal, www.fenecidadan.gal.

Poderán optar a estas subvencións as entidades ou asociacións que estean xuridicamente constituídas, xa sexan socioculturais ou deportivas, así como os comités veciñais, as comunidades de bens e calquera unidade económica ou con patrimonio separado que, aínda non tendo entidade xurídica propia, poidan levar a cabo os proxectos e actividades obxecto da convocatoria.

Neste último caso, o das agrupacións sen personalidade xurídica de seu, deberán nomear unha persoa representante con poderes bastantes para poder cumprir as obrigacións que lle correspondan á agrupación como beneficiaria.

Tanto estas como o resto de entidades deberán cumprir os seguintes requisitos xerais:

a) Carecer de ánimo de lucro

b) No caso de asociacións ou entidades, estar legalmente constituídas e desenvolver as súas actividades no concello de Fene.

c) Non ter pendente de xustificación ningunha subvención municipal concedida nos exercicios anteriores ou ter solicitada unha prórroga debidamente xustificada e aprobada, ou ben ter desistido de forma motivada e por escrito.

d) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa seguridade social.

e) Non incorrer en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas.

As solicitudes -que figuran na web municipal xunto coas bases- han de presentaranse no Rexistro Xeral do Concello no prazo de dez días hábiles contados a partir de mañá xoves (incluído). Botando contas dá que o prazo rematará o próximo 16 de decembro.

O Concello dispuxo unha partida orzamentaria de 82.500 euros para colaborar, entre outros, cos custes das actividades ofrecidas, cos do mantemento de locais e co gasto en fichas federativas, desprazamentos e mantemento de escolas culturais e deportivas.

Esta contía distribúese en tres grandes bloques: 6.500 euros para as asociacións de pais e nais dos centros de ensino, que poderán percibir un máximo de 2.500 € de subvención; 36.000 euros para as entidades socioculturais, cun tope de 8.000 € de axuda, e, por último, 40.000€ destinados a clubes e entidades deportivas tamén co límite máximo de 8.000 euros.